lunes, 10 de febrero de 2014

SOMOSCuns presenta o seu proxecto ante a Consellería do Medio Rural e do Mar


Os impulsores de SOMOSCuns (Sociedade de Montes Sostible de Cuns) reuníronse na maña do mércores 5 con representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar para presentarlles o seu proxecto e solicitar o seu apoio.

Á xuntanza, celebrada ás 12.00 horas no centro cultural de Cuns, Outes, asistiu Antonio Manuel Aguión Fernández, xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de A Coruña, e Mª Josefa Fernández Fernández, xefa do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de A Coruña. Entre os 18 asistentes tamén se atopaba o alcalde de Outes, Carlos Enrique López Crespo, e Xosé Alberte Piñeiro Tubío, xefe do Distrito Forestal IV – Barbanza, alén de tres membros do seu equipo. Os impulsores da iniciativa estiveron apoiados por varios representantes dos veciños.

No transcurso da reunión, Aguión valorou positivamente o traballo realizado e transmitiu o seu apoio a proxectos coma o presente, sostibles e que xeren postos de traballo. Informou tamén de que Rosa María Quintana Carballo, conselleira do Medio Rural e do Mar, e Tomás Fernández-Couto Juanas, secretario xeral do Medio Rural, están informados do proxecto e moi interesados nel. Pola súa banda, Alberte Piñeiro destacou que esta foi a única iniciativa que partiu dos interesados, pois as restantes coñecidas por el foron impulsadas dende a administración.

Nesta primeira toma de contacto co proxecto, visualizaron o estado actual, as previsións e achegáronse aos problemas fundamentais polos que están atravesando os impulsores para a integración da totalidade das parcelas de monte. Fixeron fincapé na necesidade de realizar un levantamento topográfico para maior tranquilidade dos propietarios e na urxencia de sacar adiante esta iniciativa para previr novos incendios na zona.

Ambas partes acordaron volver a reunirse no presente mes, logo de que este domingo día 9 os impulsores da iniciativa, apoiados en presenza física polo alcalde e o xefe do distrito forestal, se reúnan cos veciños e propietarios para explicar o estado actual da sociedade e os próximos pasos a tomar.

SOMOSCuns

A SOciedade de MOntes Sostibles de Cuns (SOMOSCuns) nace froito da necesidade de buscar unha solución aos problemas que está a vivir o monte de Cuns, así como a aldea en xeral. Estes problemas son basicamente o abandono, os lumes e a baixa rendibilidade. O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida dos veciños de Cuns a través da posta en valor da aldea no seu conxunto.

A idade media da aldea envellece moi rapidamente, e a xente vese imposibilitada para exercer traballos duros, e moi pouco rendibles, como o coidado dos montes. Desta forma a cantidade de combustible no monte medra ano tras ano e impide medrar as árbores. Ademais son un foco de incendios ano tras ano. No 2006 este monte viviu un gran incendio no que o lume arrasou o 80% do monte e estivo moi preto de acadar as vivendas.
Entre as súas propostas de actuación, destacan o clareo da zona de monte queimada no ano 2006, que contén na actualidade un rexenerado abundante e vigoroso, para deste xeito reducir a densidade dos pés e do mato e ao mesmo tempo evitar unha posible perda da masa por causa dos incendios.

Posteriormente contemplan a introdución progresiva de animais nalgunha destas zonas xa rozadas, que se alimentarían dos novos brotes, controlando dese xeito o sotobosque. Para levar a cabo este proceso pecharían antes determinadas zonas e dotaríanas dalgún punto de auga para os animais.

Por último, na zona do río prevén levar a cabo unha roza e actuacións de mellora nos pés de castiñeiro existentes, empezando deste xeito a obter unha produción de froito que proporcionaría ingresos a curto prazo; que se verían incrementados máis adiante coa plantación de máis pés e a mellora na calidade do material introducido. Nesta área tamén planean rehabilitar e poñer a funcionar tres muíños existentes, rehabilitar o río e volver a facelo apto para a pesca e crear rutas de sendeirismo, BTT e ecuestres.

A SOFOR

As SOFOR (SOciedades de fomento FORestal) é a figura xurídica creada pola Xunta de Galicia para fomentar e regular as sociedades de propietarios de montes. Son en esencia sociedades limitadas, aínda que cunha serie de requisitos a maiores para poder denominarse SOFOR.
Na SOFOR, os propietarios ceden a xestión das súas leiras de monte durante un tempo limitado, nunca inferior a 25 anos. Neste tempo a sociedade encargase de xestionar eses terreos e repartir os beneficios entre os socios. O propietario segue sendo o dono da leira en todo momento, e pode vendela, ou hipotecala pero non traballar nela.
Dentro do amplo abanico de posibilidades de asociación para a xestión conxunta do monte, SOMOS Cuns considera que esta é a figura que máis se adapta ás súas necesidades. As razóns principais son que a xestión está en mans da Sociedade e non depende da disposición do propietario en cada momento, alén da seguridade xurídica que presenta a figura da S.L e o gran apoio institucional.
Os asistentes á reunión celebrada na casa da cuyltura de Cuns, Outes

Celebración da xuntanza durante o momento da exposición do proxecto