martes, 8 de julio de 2014

SOMOS Cuns comeza co proxecto de restauración dos muíños da aldea

De esquerda a dereita, Pepe Romarís, José Dosil, Daniel Prieto, Rodolfo Rodríguez, Paula Cernadas e Ramón Romarís.
Os directivos de SOMOS Cuns (Sociedade de Montes Sostibles de Cuns) reuníronse na maña do pasado sábado con dous dos arquitectos de “13 Arquitectura”, encargados de poñer en marcha o ambicioso proxecto desta sociedade. Na xuntanza, levada a cabo fronte aos muíños de Cuns, Outes, que se van restaurar, os arquitectos salientaron que os muíños non estaban en tan mal estado como agardaban e que o proxecto poderá desenrolarse con máis celeridade da prevista.

A Xunta de Galicia, a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Concello de Outes están a colaborar activamente con este proxecto nado froito da necesidade de buscar unha solución aos problemas que está a vivir o monte de Cuns, así como a aldea en xeral; como son o abandono, os lumes e a baixa rendibilidade.

Aínda que esta aldea conta con tres muíños, todos eles moi deteriorados, só se poderán restaurar dous deles debido a ausencia de documentación do terceiro. O presidente de SOMOS Cuns, Ramón Romarís, lamenta non poder traballar con este terceiro, xa que considera que “cando os outros dous estean restaurados, as deficiencias do terceiro van ser moito máis evidentes”.

A parte do proxecto de SOMOS Cuns que afecta á zona baixa do monte desta aldea consiste en rehabilitar e poñer a funcionar os muíños para que as novas xeracións vexan como se traballaba nos tempos de antes, e o que significaba moer un simple saco de millo. Nun dos muíños instalarán unha miniturbina hidráulica que, xunto con un ou varios paneis solares, podería xerar a potencia necesaria para iluminar os muíños, o río e a meirande parte do camiño con luminarias tipo LED.